InicioPolíticaLlano, reelixido alcalde nunha investidura que deixa dúbidas sobre a gobernabilidade en...

Llano, reelixido alcalde nunha investidura que deixa dúbidas sobre a gobernabilidade en Burela

O rexedor renova o mandato tras absterse PP e BNG; os socialistas tentarán chegar a un acordo antes do pleno de organización cos nacionalistas, que piden máis peso no goberno

Publicada o

- Advertisement -

O socialista Alfredo Llano foi investido este sábado como alcalde de Burela por pertencer á lista máis votada. Na primeira volta, foi o único aspirante a rexedor pero sen conseguir sumar máis apoios que cinco do seis edís socialistas -un deles, Ramiro Fernández Rey, non puido asistir-, xa que os catro do Partido Popular e o tres do BNG abstivéronse.

A investidura pon fin a oito meses de prórroga da anterior lexislatura e de de goberno en funcións no municipio, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenase repetir a votación na mesa 1.5.U do IES Perdouro polo extravío de varios sufraxios nulos que non puido contar a Xunta Electoral de Zona (Xez).

Con todo, a sesión de investidura aclara só parcialmente a situación política do municipio, onde o PSdeG-PSOE ostenta unha maioría simple que o obrigará a chegar a acordos. Socialistas e nacionalistas reuníronse ao longo das últimas semanas para concretar a formación dun goberno en coalición, negociacións que non frutificaron. Con todo, ningunha das dúas forzas políticas dá por pechadas as conversas e o propio alcalde de Burela mostrouse partidario de retomalas nas próximas semanas.

LLANO CRE QUE “HAI TEMPO” PARA UN ACORDO

Llano resalta que “empeza unha nova etapa” no Concello partidario de “acordar” todas as medidas con outras forzas, unha dinámica que cre “debe rexer en todos” os municipios.

O recentemente reelixido alcalde considera que aínda “hai tempo” de alcanzar un acordo, “ben bipartito ou ben de pactos puntuais“. Para Llano, Burela está ante “unha oportunidade histórica” de facer políticas “positivas” e “de esquerdas” cun executivo “potente” e “colaborador”.

O rexedor lembrou no seu primeiro discurso como alcalde reelecto que no 2020 Burela cumprirá os 25 anos como concello trala segregación de Cervo, citou ao Papa Francisco para revindicar que os políticos teñen que canalizar en proxectos “ilusión e esperanza” e afirmar o municipio como “lugar para que moita xente estableza aquí o seu proxecto de vida“.

O BNG PIDE “INTERPRETAR CON PROPORCIONALIDADE” OS RESULTADOS ELECTORAIS

O BNG, pola súa banda, pide un maior peso no executivo dado que, resalta, nos pasados comicios locais sumou un concelleiro máis, mentres que a candidatura de Llano perdeu a maioría absoluta. O propio voceiro do Bloque, Mario Pillado, remarcou que os electores “obrígannos a chegar a acordos, sexa da forma que sexa“, e reclamou “interpretar con proporcionalidade os resultados electorais“.

UN MES DE PRAZO PARA O PLENO ORGANIZATIVO

Deste xeito, a sensación de provisionalidade política durará aínda un tempo en Burela, caso excepcional no Estado e único municipio de Galicia que non contaba con goberno. A normativa dá un mes de prazo para a celebración do pleno de constitución, onde se establecerá o reparto de delegacións e funcións. O propio Llano admitiu que o pleno da súa reelección tivo “un ambiente humilde” no que “non houbo expectación” porque “tiña que facerse na primeira quincena de xuño. Agora hai que espabilar”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...